Xuño 2020

MASTER SEMIPRESENCIAL 2020/2021 DA UNIVERSIDADE DA CORUÑA: DESENVOLVEMENTO INFANTIL E ATENCIÓN TEMPERÁ

Recomendado pola Asociación Galega de Atención Temperá (AGAT)

Será a súa segunda edición.

Especialmente orientado a todos/as as profesionais que traballan ou queren orientar a súa vida laboral con nenos/as de 0 a 6 anos, aportando unha visión integral do desenrolo infantil e facilitando a adquisición de criterios, recursos e ferramentas para a intervención.

Para máis información consultar a páxina web do master: https://masteratenciontemprana.org/

Seguir lendo
16 DE XUÑO DO 2020: DÍA DA ATENCIÓN TEMPERÁ

Compartimos o manifesto da AGAT: Asociación Galega de Atención Temperá para sinalar a importancia deste día e dos retos marcados dende a Asociación:

O 16 de XUÑO celebramos un día moi especial. O 16 de xuño do ano 2000 tiña lugar en Madrid a presentación do “Libro Branco”. Un fito na historia da atención á infancia no noso país. Nel definíase a Atención Temperá como “o conxunto de actuacións dirixidas á poboación infantil de 0 a 6 anos, á familia e á contorna, que ten por obxecto dar resposta, de forma o máis inmediata posible, ás necesidades que presentan os nenos e nenas con alteracións no desenvolvemento ou con risco de padecelas, e/ou ás súas familias”.

Esta definición presidiu a normativa que nos últimos vinte anos guiou o espallamento, en toda España, dunha extensa Rede de servizos e recursos, primeiro para as crianzas con discapacidades e despois para toda a primeira infancia que se atopa en situacións vulnerables.

A Rede de Atención Temperá é hoxe unha Rede extensa, aínda que insuficiente, non chega a todas as persoas que o necesitan, ou chega de forma precaria. Existen listas de agarda e zonas sen cobertura. O LUGAR DE NACEMENTO AÍNDA É UN FACTOR DE DESIGUALDADE.

Por iso, é preciso avanzarmos nun financiamento suficiente e nunha regulación básica común. E pór as bases para un sistema público que coide o desenvolvemento persoal de todas as crianzas desde o seu nacemento.

A Atención Temperá debería incluír a todos os nenos e nenas de 0 a 6 anos que presentan problemas e preocupacións evolutivas nalgún momento do seu desenvolvemento, o que representa un 10% da poboación infantil desa franxa de idade e suporía atender en España a 255.227 nenos e nenas. Hoxe en día en moitas ocasións, só se atenden as dificultades máis evidentes como os trastornos do espectro autista ou a parálise cerebral.

FAN FALLA MEDIOS, FAN FALLA INVESTIMENTOS E FAN FALLA CENTROS DE ATENCIÓN TEMPERÁ CON EQUIPOS DE PROFESIONAIS MOI CUALIFICADOS PARA ATENDER UNHA

ETAPA CRÍTICA DA VIDA. Ao longo dos anos aprendemos, en España e en toda Europa, que a mellor definición da Atención Temperá pode quedar no baleiro se non se garanten a calidade, a utilidade dos servizos e o seu rendemento social.

Por todo isto, a Atención Temperá que se desenvolva a partir de hoxe deberá:

  • garantirse como un dereito subxectivo das crianzas de carácter universal e sen custo para as familias
  • estar orientada á prevención e actuación sobre as necesidades de desenvolvemento persoal e socialización das crianzas de 0 a 6 anos con problemas evolutivos ou con risco de padecelos
  • baseada sempre nas relacións e a seguridade afectiva das crianzas
  • organizarse na contorna comunitaria próxima ao domicilio cooperando en primeiro lugar coa familia e tamén cos coidadores/as, educadores/as e persoas significativas na vida cotiá das crianzas
  • realizada por un equipo de profesionais, especializado en desenvolvemento infantil, con metodoloxía inter ou transdisciplinar
  • facilitar a coordinación e as transicións a outros servizos cando sexa preciso

FACENDO AS COUSAS BEN, PRESTANDO SERVIZOS DE CALIDADE, A ATENCIÓN TEMPERÁ É A INVERSIÓN MÁIS RENDIBLE EN TERMOS DE RETORNO PERSOAL, DE SAÚDE, DE INCLUSIÓN SOCIAL, DE MELLORA EDUCATIVA E OPORTUNIDADE LABORAL. OS CARTOS INVERTIDOS EN ATENCIÓN TEMPERÁ MULTIPLÍCANSE.

A Federación Española de Asociacións de Profesionais da Atención Temperá é consciente dos enormes cambios que aconteceron no itinerario de 0 a 6 anos e da necesidade de pór as bases para implementar un sistema público universal de coidados no desenvolvemento no que XUNTO AOS CENTROS DE DESENVOLVEMENTO INFANTIL E ATENCIÓN TEMPERÁ ocupan un lugar fundamental os servizos sanitarios, os servizos educativos e os servizos sociais, numerosas entidades e as administracións públicas,

A todos convocamos para afrontar o reto que nos leve a ser UN PAÍS DE VANGARDA no coidado da saúde, a educación e o benestar de todos os nosos nenos e nenas.

A todos damos as grazas pola súa achega ao desenvolvemento da ATENCIÓN TEMPERÁ.

Seguir lendo
VOLTA Á SALA DESPOIS DA CUARENTENA “O aspirador coronavirus”

Cantos sentimentos nos invaden ó retomar o traballo, ese reencontro tan desexado despois de dous meses sen poder entrar á sala de psicomotricidade. Tempo de distancia imposto pero que non  impediu manter o recordo e a ilusión pola volta.

Como psicomotricistas temos que enfrentarnos a esta nova situación na que se modifican as circunstancias nas que estabamos acostumadas a movernos:

  • Uso da mascarilla ocultando parte do rostro e da expresividade do mesmo.
  • Cambio/retirada de materiais que non se podan hixienizar (sabendo que algún implicaba unha carga emotiva signicativa para os nenos/as).
  • Novos rituais para a entrada e saída co fin de garantir a seguridade (sacar calzado xa na porta e lavados de mans na entrada e saída).  
  • Uso de hidroxeles (cando as circunstancias o esixen) parando as dinámicas na que o neno está inmerso.
  • As limpezas entre sesións e ó rematar as xornadas de mañán e tarde, pasando a ser a tarefa estrela máis que escoitar e pensar no que acaba de acontecer na sesión…..

Cambios imprescincibles pero incómodos e invasivos que á vez non poden impedir algo que é fundamental dentro das salas de psicomotricidade: o desfrute, a seguridade, a expontaneidade, a confianza, a iniciativa….

Retomamos as sesións con moitos sentimentos encontrados de desexo e á vez inseguridade e certa incomodidade. Pero nós – psicomotricistas, que confiamos nos nenos e sabemos que eles nos marcan o camiño a seguir, apoiándonos nesa ferramenta, sabemos que pouco a pouco, xuntos, neno e psicomotricista, buscaremos un bo xeito de acomodarnos a esta nova realidade, garantindo un ambiente idóneo no traballo. Unha constatación é o que pasou esta semana. Nun momento da sesión, en xogo simbólico, J. construiu unha nave espacial que equipou coas súas maletas e todo o necesario para a viaxe invitándome a acompañalo na aventura ó que eu accedín encantada. Explicoume todas as tecnoloxías que tiña a súa nave, e entre eles unhas cordas que estaban no teito que eu pensie que eran antenas e o neno dixome que estaba moi equivocada: “son ASPIRADORES: tu tranquila que si viene el COVIT lo traga el apirador y luego ya lo matamos entre los dos”. Que alegría sentín!!! que gusto!!! a saúde  dos nosos nenos é isto, buscar medios alternativos e seguros que nos permitan seguir adiante – a sala debe ser isto, un espazo que permite transformar e transformarnos, xogar e asegurse, medrar.

Na sala de medrando xuntos xa temos o “aspirtador COVIT”.

Seguir lendo